03 Outubro 2009

Vara de medir

O 6 e o 9 de agosto de 1945 caían nas cidades niponas de Hiroshima e Nagasaki, respeitivamente, dúas bombas atómicas que causaron, a longo e curto prazo, a morte a centos de miles de persoas.

Xapón estaba derrotado, só non aceitaban a rendición incondicional. As cidades non tiñan ningún valor estratéxico nin militar. Os B-29 que diariamente bombardeaban as illas niponas deixaran, adrede, aquelas cidades intactas para ver o impacto real dunha bomba nuclear. Unha detoación controlada en calquera parte deshabitada de Xapón causaría o mesmo dano, a mesma disuasión.

Soamente se entenden os bombardeos para berrar a todos, cun auténtico asasinato en masa, quen ía ser o novo xefe do Mundo.

O uso das bombas nucleares para fins militares foi barallado na Guerra de Corea (1950-53) e na de Vietname (1958-75).

A día de hoxe, os Estados Unidos, Rusia, Reino Unido, Franza, China, a India, Paquistán e Corea do Norte teñen armamento nuclear (sospéitase que Israel tamén).

A día de hoxe, os Estados Unidos teñen unhas 70 centrais nucleares; Franza, Alemaña e Xapón teñen sobre 20; Rusia e Reino Unido sobre 10; India 7 e Paquistán 2.

A todos nos parece normal que un país teña unha central nuclear, aínda que nos poida parecer millor ou pior o seu uso. A todos nos parece ben que se controle a fabricación e uso das armas nucleares, polo perigosísimo da súa existencia.

Porén, por que Obama-Brown-Sarkozy teñen tantos reparos con que Irán experimente coa enerxía nuclear? Por que non é Ban Ki-moon, en representación de todos os Estados do Mundo, quen sai avisando a Irán sobre o mau que é que haxa outro Estado con armamento nuclear e, á vez, instando a que os outros prosigan co desmantelamento dos seus respeitivos arsenais?

Quen é Obama para prohibir a países soberanos que desenvolvan programas nucleares? Non o deslexitiman abondo as vítimas xaponesas do 45? Quen é Sarko? Non lembra Moruroa? Para que está a ONU?

Por que nos asustamos ante a idea de que os radicais muzulmáns teñan unha bomba nuclear (embora de Arabia Saudita e de Paquistán non se diga nada)? Por que pensamos que os comunistas coreanos van desencadear unha III Guerra Mundial? Por que fan que temamos máis pola poboación israelense que está, supostamente, no ponto de mira de Irán, que polos 1.387 palestinianos que morreron entre Natal de 2008 e xaneiro de 2009 na Faixa de Gaza? Non deberiamos de ter máis medo ante as máis de 6000 armas nucleares que teñen os Estados Unidos ou Rusia, que arrasarían toda a Terra?

Quen nos deu a segunda vara de medir?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...