Recentemente vin o documentario, Checkpoint rock, realizado polo cantante euscaldún Fermín Muguruza. Nel amósasenos exemplos da música que, actualmente, se fai naquel anaquiño de terra tan castigada, tan conscientemente esquecida e tan, muitas veces, tan hipocritamente lembrada: ao longo da súa hora e pico de duración, podemos escuitar desde ritmos clásicos, arrolados polo laude, até rock, pasando polo rap.
Lonxe de ser unha simple mostra do panorama musical de Palestina, ou aproveitar o tema para que xorda no espectador a pena pola inxusta Historia recente dos habitantes e refuxiados dese país, Checkpoint rock é unha pequena achega á humanidade daquelas xentes do Próximo Oriente, da súa realidade, dos seus soños, das súas vidas, contadas polos artistas que no documentario aparecen: inspirados todos polo poeta nacional Mahmud Darwish, danlle ás súas composicións a pegada dos seus pensamentos, dos seus anseios, das súas feridas, dos seus medos, sen dar nunca espazo á compaixon por parte do que os escuita.
Filmado con delicadeza, amosando a fermosa luminosidade que inunda aquel recanto do mundo, que nin sequera estropea o quilométrico e vergoñento muro que separa o Estado israelense do resto da Palestina que aínda non conseguiu fagocitar, no documentario aparece unha Palestina sen terroristas islamistas, sen ollos con permanente odio, vivos, sinxelos, como calquera de nós, occidentais inmunes ás miserias que ocorren a miles de quilómetros da nosa "segura" e "avanzada" Europa.
Vendo Checkpoint rock entendemos mellor os palestianianos, achegámolos máis a nós, xa que, ao fin e ao cabo, en palabras do poeta Darwish, son seres humanos que rin, viven, e incluso teñen unha morte normal. Non só os matan.

0 brisas:
Enviar um comentário