01 Junho 2011

A multivisión da derrota

(tardas en lelo de 5 a 7 minutos)

Hai dez días foron eleizóns municipais e autonómicas. O suficiente, do meu ponto de vista, para valorar os resultados desde a distancia temporal.

Cos ecos de Stephane Hessel escoando polo catro cantos do Reino español, pola primeira vez na democracía posfranquista, unhas eleizóns achábanse condicionadas por unha grande crise e por un movemento cidadán e, polo tanto, político, fóra de partidos e institucións.

Naquel día, non foron poucos os que pensaron que os grandes partidos, a encarnación do bipartidismo, quer dicer, PP e PSOE, serían os grandes derrotados e que, se callar, os partidos castigados eternamente polo sistema eleitoral rexido polo sistema D´Hont, terían un grande pulo, ou que a abstención ou os votos en branco serían igualmente os gañadores.

Nada diso pasou.

Como sempre, foi un dos grandes, neste caso o PP, o que se fixo coa maioría dos votos na meirande parte dos comicios, quer municipais, quer autonómicos, e o único realmente derrotado foi o PSOE, cos níveis máis baixos de votantes de toda a súa historia.

Venceu a dereita, perdeu a esquerda.

Iso foi realmente así?


Embora as eleizóns municipais tradicionalmente non se equiparan ás estatais, semella que esta vez os votantes quixeron mandar unha mensaxe, un castigo, ao partido do goberno. Nunha crise como a que levamos anos a sofrer, cun desemprego de 5 millóns de persoas, con medidas antisociais como a reforma laboral, as sucesivas privatizacións do pouco que queda por privatizar e a axuda aos bancos, culpábeis de boa parte da crise, os votantes quixeron expresar o seu descontento.

Mais, por que votar ao PP? Por que votar a un partido que o único que fai é criticar as políticas do PSOE sen dar, claramente, unha resposta á crise? A un partido totalmente salpicado pola corrupción? A un partido que nos lugares onde goberna demostra non o facer mellor que o partido que se acha na Moncloa? Por que non dar unha oportunidade aos partidos pequenos? É que os cidadáns españois son, realmente, de dereitas?

A primeira vista, e cos dados, en bruto, na man, podemos responder á última pregunta dunha maneira afirmativa. Ou somos parvos ou de dereitas (ou as dúas cousas).

No entanto, hai unha diferenza real entre o PSOE e o PP? Podemos ver, en todos e cada un dos concellos, autonomías e nos sucesivos gobernos estatais, que estes partidos defraudaron, roubaron, mentiron e traizoaron a aqueles que sempre din representar: desde as grandes privatizacións do PSOE dos 80, que destruíron o tecido empresarial e económico do Estado, até a liberalización do solo do PP nos 90, que iniciou a burbulla inmobiliaria; desde os escándalos de corrupción a maior ou menor nível até o caciquismo, sempre estes dous partidos demostraron representar a outros, con traxe e garavata.

E Esquerda Unida? Por que leva décadas caíndo en picado?

Mais, e a nível nacional? Por que o BNG non conserva, salvo escepcións, as alcaldías que consegue? Por que tamén ten unha tendencia á baixa? Por que o PNV nas últimas veces que gañou foi en colición con EA? Por que CiU tamén tivo unha tendencia á baixa até as últimas eleizóns autonómicas?

Volvendo ao 22M: aquela noite de eleizóns, os que se consideran de esquerdas sentíronse derrotados, os de dereitas vencedores? Mais, é esa a verdade?

Se vemos polo miúdo os resultados das eleizóns, tanto municipais como autonómicas, podemos ver dados que nos poden deitar outra leitura ben diferente: pódese ver que onde gobernaba o PSOE, en xeral, efectivamente, este descendeu; porén, onde goberna o PP, en xeral, tamén se pode ver que, ou ben se mantén ou ben baixa. Tamén se pode ver como as opcións nacionais ou rexionais soben, como no caso do partido de Cascos en Asturias ou CiU en Cataluña. E pódese ver, igualmente, como EU ten un leve resucitar. Mención á aparte ten Bildu, cuxos trescentos mil votos demostraron, de forma enxordecedora, como durante unha década estivo sen opción política unha alta porcentaxe da poboación euscalduna.

Que se pode tirar como conclusión a todo isto? Que os cidadáns do Reino de España se achan confusos. Confusos porque se lles acaban as opcións, porque levan vendo como ao longo de tres décadas o partido estatal, o nacional ou o rexional marchaba cos seus soños, cos seus desexos. O feito de que a mocidade acampase nas prazas de todo o reino fixo, ao meu modo de ver, que os menores de 25 anos se mobilizaran, que votaran, e nese dado talvez se poida ver o resucitar de EU ou a suba da participación nas eleizóns.

A auténtica esquerda hai tempo que desapareceu: non se acha nin nos grandes partidos estatais nin nos nacionais, se non, non se entende que non goberne un BNG, ou que non siga unha ERC. Se un partido de esquerdas, fai unha política de esquerdas, é lóxico que perda?

A leitura final que se pode facer a estas eleizóns, alén de seren unhas estatais adiantadas -forzadas pola crise-, é que, por suposto, o PP gañará as eleizóns do ano que vén, coa súa mensaxe populista, mais iso forzará a que, cando a costa abaixo sexa máis pronunciada, con Rajoy no poder e o PSOE aínda queimado, non haxa unha opción real que se acomode ao Estado de dereito nin as normas da Carta Magna.

Mui ben terao que facer de novo o PSOE para que a xente volva confiar nel, porque se non unha crise da democracía actual estará pronta a estoupar, se non o está xa.

E nin un millón de Mossos d´Esquadra poderán calmala a paus.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...