(tardas en lelo de 1 a 2 minutos)
Finalmente pasou. Que che morra alguén achegado é algo inevitábel. A min tocoume agora, e foi a miña avoa, con 90 anos, seguindo a orde natural da vida. Non sei se iso serve de consolo. O único que sei é que é e será sempre unha ausencia, un oco que quedou na miña vida, na miña cotidianidade, na vida e cotidianidade da miña familia, comezando pola miña nai. A vida segue e, como unha boa amiga miña dixo, agora toca ollar para adiante e, dentro dun tempo, comezar a lembrar á miña avoa, a miña
avó, como se di por estes lares, só con cariño e cun sorriso, embora o pouso de tristura sempre quede. De momento, María Seoane Tellado, será, para min, lembrada como a muller que axudou á miña nai a educar a súa prole, que me cuidaba en Bouzas, que me compraba
phoskitos e bolachas
Príncipe, que me cantaba cancións do século XIX anticarlistas; unha muller que sempre sempre sempre traballou no campo, apenas viaxou fóra da aldea, pariu tres fillos dos cales sempre se preocupou, viviu a vida que quixo, independente e forte ante un marido que sempre estivo ausente, e morreu na mesma casa onde nacera, rodeada dos seus fillos, da súa familia, de xente que a quería. Os seus ollos profundamente azuis e pequeniños destilaban sempre simpatía, amabilidade, interese e cariño. Non podo evitar pensar que unha parte das miñas raíces, do meu pasado e, en consecuencia, un pouco de min, morreu con ela.
Embora a vida siga
María é a da dereita. Á da esquerda é a súa irmá, que a acompañou, case día a día, ao longo de 86 anos.
0 brisas:
Enviar um comentário