(tardas en lelo entre 2 e 4 minutos)
Pasou o día, pasou a romaría, mais o sentimento de alegría, de telo pasado ben, non.
Mais unha vez as Festas de San Pedro volvéronme deslumbrar: como todo un bairro se entrega e se implica na organización -que se estende ao longo do ano- dunhas festas, na súa posta en marcha, e como son os resultados, é algo que non se ve todos os días.
Embora comezaran o mércores 29 -con contacontos, circo, danza...-, eu entrei nas festas o xoves 30, asistindo a un mui bo concerto folclórico (sen ter que ir a Ortigueira), da man dos Vilarachos, dos Tanto me ten e dos Tiruleque, nunha praza 8 de marzo máis ateigada do que nun principio crera. O venres 1 foi unha continuación da noite anterior, mais esta vez coa trepidación da banda Crebinsky e a súa música gypsy que lembraba ás veces a Goran Bregovic, a tranquilidade do reagge -por momentos excesivamente tranquila- dos Dandy Fever e a extravagancia de Fluzo, ao que non sabería mui ben como calificar co seu rap e o seu DJ que se comunicaba co público a través do auricular dun teléfono.
E así chegábase ao sábado 2, coa rúa pechada ao tráfico, con circos, contacontos, pasarrúas, postos ofrecendo toda clase de cousas, desde libros até artesanía, pasando por produtos ecolóxicos ou simplesmente bebida, e con San Pedro tomado por toda clase de persoas, por todo tipo de tribos urbanas, por tipos díspares de nacionalidades: hippies con "pijos", turistas con parroquianos, negros con asiáticos, borrachos con curiosos, vellos con novos, galego con alemán, castelán con inglés... Todo nunha amálgama case perfeita, onde un, por momentos, chegaba a querer que a vida fose sempre así: unha continua festa intercultural, transfronteiriza, de borracheira esmorgante e de cultura popular.
O domingo 3, as festas despedíanse até o ano a seguir, mais non por iso o facían con tristura, se non por todo o alto, cun xantar popular no parque de Belvís, ao son dos instrumentos tradicionais, bailando, bebendo, comendo e rindo, esquecéndonos durante unhas horas de todo o mau e deixando entrar tan só o bo.
Co sol xa póndose, con Compostela xa escurecendo, a xente foise retirando, case ao mesmo tempo que gaiteiros, pandereteiros e demais artesáns do pentagrama, foron coa música a outra parte -e nunca millor dito, xa que as súas notas foron escoitadas, momentos depois, nun bar coñecido da trastenda de San Pedro-.
Aquela noite a xente deitouse cun sorriso na boca, e iso ten mérito.
Ten mérito para uns veciños que se xuntaron e, desinteresada e autoxestionadamente, organizaron ao longo do ano -e dos pasados anos-, unhas festas ás que cada vez acode máis xente, porque alí todo o mundo ten cabida, todo o mundo o pode pasar ben, e todo o mundo pode deixar o mau que hai no mundo na Porta do Camiño durante unhas horas -ou días. E iso xa vale muito.
Faltan cousas que contar sobre estas festas, mais eu só fixen un bosquexo do que foron, para min, as festas de San Pedro 2011, unhas festas que fan que siga a crer no Ser Humano, xa que están desprovistas de todo egoísmo e vestidas de toda a solidariedade e boa fe.
E iso é algo bo.
Eis por todo isto a miña Ode ás Festas de San Pedro.

0 brisas:
Enviar um comentário