| Mao, tan tranquilo. |
Hai unhas semanas fomos de roteiro polo Sarela, ese río que pasa discretamente por Compostela e que eu, ignorante, aínda non coñecía. Camiñamos ao longo daquela tarde que falsamente adiantaba o verán, a través de anacos de historia da cidade, con testemuñais curtidorías, muíños e casas, dinosaurios dunha época xa morta, pretérita, que se espallaban ao longo da beira do río, intercalándose con anacos de bosque que che facían esquecer de que Compostela estaba a un par de minutos de onde chantabas os pasos.
Camiñamos con paso animado, xantamos uns bocadillos e fruita, bebemos dunha fonte unha agua revitalizadora, xogamos nos esqueletos dos muíños, que brevemente recuperaban a vida, investigamos hortas e casas abandonadas e misteriosas, desfrutamos do día, que iso significa vivir.
Finalizando o traxecto, ao pé do Campus Sur, uns ruidiños, uns queixumes, chamáronnos a atención. Sabiamos o que eran, mais non de onde saían. Afinal, de debaixo da plataforma de madeira que compuña ese treito do roteiro, saíu un gatiño, de poucas semanas, fraco mais atrevido, negro e branco. A miña compañeira non o dubidou, mais eu si, por mor da miña asma. A dúbida estendeuse. Finalmente, dunha maneira salomónica, dixen: "que decida el", e pouseino no chan. Nós fixemos ademán de marchar e el, loxicamente, veu detrás nosa.
E así pasaron os días, desparasitándoo, alimentándoo, mimándoo, levándoo á veterinaria, que lle descubriu un virus, curándoo, e vendo como se repuña. E así, Mao, entrou nas nosas vidas.
Desgraciadamente, a miña asma impúxose e, finalmente, Mao tivo que marchar, á casa da miña cuñada.
Sabendo as desgrazas que hai por toda parte e diariamente, que sofren humanos e non humanos, é triste consolo saber que lle salvache a vida a un gatiño, seguramente abandonado pola nai ao sentir esta que se achaba enfermo, mais hai días que iso vale, e velo, semanas despois, medrado e forte, dinámico e brincallón, éncheme de alegría, sobre todo sabendo que a morte pode igualar un micho a unha persoa.
E iso xa me chega.
0 brisas:
Enviar um comentário