03 Agosto 2011

Galego internacional

(tardas en lelo de 1 a 2 minutos)

Se hai uns aniños me dixesen que ía estar nun mesmo espazo con tres persoas, de Franza Polonia e os Estados Unidos, falando galego entre nós, ía ollar a quen mo dixese con incredulidade e pensando que esta querería facer pouco de min. No entanto, eis a realidade: durante o mes pasado de xullo o galego, aínda que fose durante unhas poucas semanas, foi internacional na miña cotidianidade.

Agora, que todo semellan más noticias para o meu idioma materno, coa continua sangría de falantes, co peche de xornais que se exprimen no meu idioma, coa súa persecución cando se pretende que recupere espazos secularmente perdidos, ter esta pequena cura de autoestima supuxo un grande alivio e unha fonte -mellor dito, regato- de esperanza.

Ao longo do mes de xullo, como vén sendo habitual nas últimas décadas, o Instituto de Lingua Galega organizou unhas xornadas internacionais de galego e até a capital de Galiza -así como na Coruña e en Vigo- chegaron persoas de ducias de nacionalidades diferentes, interesados polo noso consumido idioma: estadounidenses, brasileiros, marroquís, franceses, rusos, cataláns, gregos, singapureses... todos movidos polo amor, pola curiosidade, polo interese cara ao galego.

Eu tiven a sorte de acoller durante ese tempo a unha polonesa, estudante de Filoloxía Ibérica e de Medicina, e durante ese tempo puidemos intercambiar experiencias, visións da vida e palabras, embora a maioría das que aprendín en polonés, lamentabelmente, pouco duraron na miña mente, ao contrario das novas que ela aprendeu en galego.

O feito de tratar o meu idioma como un idioma normal, digno de ser aprendido, polo simples gosto de aprender unha lingua, monumento feito por unha parcela da Humanidade para interpretar a realidade, é algo que hoxe, cando só se aprende un idioma polos réditos económicos que se lle poida tirar, se agradece.

Sei que estas xornadas foron unha paréntese da dura realidade, mais para min son sinais do que é a tendencia natural do ser humano, son experiencias que se poden proxectar cara ao Futuro, para ter fe nel, sobre todo nesta época na que só escuridades teiman en proxectarnos.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...