12 Agosto 2011

A xanela debuxada: "Notas sobre Gaza", Joe Sacco

(tardas en lelo de 3 a 5 minutos )

Joe Sacco é un contador ideal de historias, de voceiro das xentes e dos pobos que non teñen voz ou chega até nós distorsionada. Así acababa o post que fixera sobre Joe Sacco, comentando as novelas gráficas que lera del até o momento.

Con Notas sobre Gaza, Sacco volve proporcionar voz aos palestinianos e luz sobre unha parte da Historia deste pobo que leva máis de 60 anos no medio das tebras da manipulación, da terxiversación e do esquecemento. Do esquecemento dos propios palestinianos incluso, como se pode ver no romance gráfico, ante as dificultades do propio autor para reconstruír os sucesos acontecidos en 1956, en pleno ponto álxido da guerra árabe-israelense, tras a constitución do Estado xudeu e da "Nakba" musulmán. Uns acontecimentos que quedaron reducidos, como o propio Sacco comenta, a "un par de frases nun informe da ONU", unhas notas a pé de páxina, un rodapé da Historia con maiúsculas.

E é que o conflito palestiniano-israelense corre o perigo de se ir desdebuxando, de ir perdendo todo o terríbel, todo o cruel que contén nas súas entrañas, reducido simplesmente ao confronto entre dous fanatismos relixiosos. Así, que este maltés de nacimento e estadounidense de adopción faga o esforzo de ir xuntando as lembranzas dun horripilante suceso pasado hai xa máis de medio século, para que saia das simples notas da ONU e se eleve á categoría de capítulo dentro da recente Historia de Palestina, é un mérito que hai que recoñecer.

Nas páxinas nas que se desenvolven os sucesos do 12 de novembro de 1956, Sacco segue a retratar a realidade coa que se enfrontan os palestinianos na Faixa de Gaza -como a destrución continua de vivendas ao pé da fronteira, supostamente para dar caza a membros de activistas ou para neutralizar os túneis que conectan a Faixa con Exipto-, e ao mesmo tempo amosa as dificuldades coas que se encontra para reconstruír aqueles sucesos, visitando a testemuñas directas, coa súa memoria afectada polo paso do tempo, e indirectas, que falan do que escuitaron. Así, aos poucos, vai montando as pezas do puzzle que compón aquela xornada de fins do 56 e ensinándonos como as crueldades se poden repetir, fotocopiadas, sexa no Oriente Próximo ou no Leste de Europa.

Aquel día de mediados dos 50, na cidade de Rafah, o exército israelense entrou nela á procura de soldados e activistas palestinianos, e o que debía ser unha operación rutineira converteuse na masacre de máis de cen persoas. As maneiras e os modos do exército de Israel á hora de cometer tais crimes seméllanse, ou case son calcados, ás maneiras e modos do exército do III Reich, había pouco máis dunha década: o terror, a raiba, o racismo, a falta de escrúpulos, o fascismo máis aberto, tiveran toda a liberdade aquel día perdido na noite dos tempos.

No romance gráfico de Jose Sacco, o presente e o pasado palestiniano conflúen nun mesmo ponto, nunha mesma inxustiza: o roubo dunhas terras, da súa Terra, na que sempre viveran, por xentes ás que nunca, nin aos seus antepasados, lles pertencera. O roubo e a morte por unha ideoloxía, tal e como pasara en Polonia, en Alemaña, en Austria.
Nas páxinas de Notas sobre Gaza aparece, por suposto, a subxectividade do autor, mais é inxenuo pensar que algo do que se escriba estea desprovisto deste. Porén, fai falta máis xente así, máis xente que, como Sacco di, non sexa obxectiva, mais si honesta.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...