O pasado 28 de xuño, cando se cumpría o 75 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía, saía o derradeiro número do últrimo xornal monolingüe en galego: Galicia Hoxe. Este ano tamén se cumpre o 30º aniversario da aprobación do actual Estatuto de Autonomía.
Pasaron trinta anos e o galego, lonxe de ser unha lingua normal, o lóxico dun idioma considerado oficial dentro do seu territorio, hoxe non só non ten un diario exprimido totalmente neste idioma, se non que non ten recuperados os espazos que perdeu ao longo de nove séculos de inxerencia castelá (desde 1230, ano da proclamación de Fernando III de Castela como rei de Galiza), se non que aínda ten que pedir permiso para recuperalos; tampouco é protexida como calquera especie en perigo de facelo o está e, para colmo, a maioría de cidadáns, galegofalantes ou non, seguen a considerar esa lingua como pouco útil, bruta ou usada por pailáns e nacionalistas: xa non falemos da ruptura da transmisión do galego como lingua materna e a conseguinte perda de falantes, o que agoira a desaparición da nosa lingua nin futuro non mui afastado.
Mais este é só un síntoma dos muitos que aqueixa o Mundo en xeral, e Occidente en particular, nos nosos días: o emprego da vara de medir económica para decidir que é útil ou non é algo que o capitalismo fixo desde sempre mais parece que, nos últimos anos, se está a agudizar até estremos que xamais se pensaron alcanzar.
Así, hoxe vemos ou lemos acotío noticias que hai anos serían impensábeis: morte por aneurisma dunha doente despois de non ser atendida en catro hospitais, venda de hospitais públicos, ataques ao Ensino público, recortes bestiais aos dereitos dos traballadores, incrementos dos privilexios das clases pudentes, privatización do pouco que queda do sistema público, recortes no Estado do ben-estar, guerras cada vez menos xustificadas... E o mau non é que acontezan, o mau é que nos estamos a acostumar a elas e case as estamos a ver como algo normal: a clase dirixente quere retrotraernos ás condicións de hai cen anos e semella que a ninguén lle importa, temerosos de perder os nosos precarísimos traballos, quen o teña, ou paralisados ante o feito de non saber facer fronte á avalancha retrógrada que nos vén en riba (económica, social e intelectual) -se xa non a temos encol nosa.
E o máis grave de todo isto é que parece que non nos decatamos da raíz de todos estes síntomas, de cal é a auténtica enfermidade, porque, após anos e anos demostrando que non é un sistema xusto, que é un sistema que só produce atraso, pobreza, inxustiza, guerras e miseria, após anos ensinando que é un sistema podre, caduco e desfasado, o sistema de desigualdades segue a gozar dunha -aparente- boa saúde xa que ninguén parece cuestionala.
Seguimos crendo nel porque seguimos culpando os políticos, que son corruptos, os banqueiros, que son avariciosos, os grupos tipo Bilderberg, que queren criar un mundo orwelliano... Aínda cremos neste modelo de democracía, aínda cremos no sistema, cremos que con reformas todo volverá ser coma antes, que mudando a lei eleitoral, elixindo a este e non a aqueloutro partido, que botando fóra os maus políticos e banqueiros, a cousa volverá ao rego... cando todo isto, políticos banqueiros grupos, son manifestacións do sistema, ferramentas, e por muito que se muden, por muito que se parchee o capitalismo, as cousas non se modificarán, porque son manifestacións dun modelo caduco que hai que superar.
E isto vese no feito de que, a pesar da crise, aos que sempre lle foi ben, continúa índolles ben, que o Estado só se limita a protexer a estes e ás empresas, pregándose ás directrices do Banco Europeu e do FMI; vese no feito de que calquera goberno, sexa da cor que sexa, sexa do país que sexa, está a liquidar o sistema público, o grande avanzo que a Humanidade logrou con muito sacrificio e non poucas mortes.
Mais, aínda así, seguimos a crer que as cousas, dentro deste sistema, pódense mudar.
Crémolo porque Occidente é un gran can de Paulov, a xente perdeu hai tempo o espírito crítico, perdeu a conciencia de quen era o seu inimigo, grazas en grande parte aos sindicatos e aos partidos que foron hai tempo socialdemocratas -no significado antigo que esta palabra tiña-, que traizoaron a confianza que os pobos occidentais depositaran neles grazas á historia combativa que estes sindicatos e partidos teñen, sobre todo na primeira metade do século XX, cando aínda representaban o pobo. E somos un gran can de Paulov porque respondemos aos estímulos que o sistema criou, para que consumamos sen parar, sen pararnos a pensar, para que nos atemos a hipotecas, para que sigamos cegamente as consignas e os idearios promulgados a través dos mass media, para que calmemos as nosas conciencias estreses e frustracións coas diferentes drogas que nos proporcionaron -desde o álcohol até a tevé-, para que abracemos a cultura do diñeiro do aparentar do egoísmo...
E chegamos a tal estremo de responder a estímulos que ao sistema só lle chega con darnos unha pequena “válvula de escape”, un panfletiño dun vello de case 100 anos, para que o pobo responda “indignándose”, sempre guiado, por suposto, por organizacións que non cuestionan para nada a mesma natureza do sistema de desigualdades, se non que buscan a maneira de mudar as cousas para que todo continúe como está (ou que mude para pior, abofé), clamando sempre por un facer as cousas mediante o “pacifismo” e o “respeito ás institucións”.
Porque até nisto reaccionamos como o can de Paulov: ante a palabra “pacifismo” reaccionamos crendo que con só a forza das palabras, con manifestacións, con greves xerais dun día, podemos “convencer” os dirixentes banqueiros patronal de que cesen nesta ofensiva retrógrada de todos os nosos dereitos.
Realmente cremos que o pacifismo pode frear toda esta cadea de inxustizas? Que motivos teñen para parar?

0 brisas:
Enviar um comentário