23 Novembro 2011

De Galicia Hoxe aos Dereitos do Ser Humano (pasando polo can de Paulov, a indignación e o pacifismo) (II)

(tardas en lelo entre 6 e 8 minutos)

Se facemos un pouco de memoria histórica, podemos ver que, embora todo se agudizara após o estoupido da burbulla inmobiliaria de 2008, o recorte de liberdades e de dereitos vén de máis atrás, de hai case corenta anos, coa última grande crise do capitalismo, a de 1973 -na cal aínda estamos a viver, con pequenas alzas propiciadas polas diferentes burbullas (inmobiliarias, ponto com...), e grandes baixadas, como a que estamos a sofrer agora, propiciadas polas devanditas burbullas-.

Após o inicio desta crise, tiveron lugar as grandes reconversións industriais, desde as españolas de Felipe González até as británicas de Margareth Tatcher, pasando polas francesas de Giscard d´Estaing, e os consecuentes primeiros recortes nos dereitos laborais. Este proceso tivo o seu cumio en 1992, coa aprobación do Tratado de Maastrich, á partir do cal comezaron a imporse as políticas neoliberais, someténdose os diferentes Estados europeus ao FMI e á Organización Mundial do Comercio, iniciándose o recorte dos dereitos sociais. O resto que quedaba de ben-estar e de dereitos laborais a comezos do século XXI estano a liquidar, como podemos ver a diario. 

Todo isto vén adubado coas continuas guerras que, desde 1990, coa Primeira Guerra do Golfo, até agora, coas guerras en Afeganistán, Iraque e Libia, tanto Europa como EEUU están movendo pezas para írense apropiando de espazos xeoestratéxicos baixo diferentes formas: conflitos étnicos, nacionalistas ou relixiosos (nas diferentes guerras da antiga Iugoslavia, en Ruanda, Sudán, Xeorxia...), inventando excusas (Afeganistán, Iraque...) ou apoiando a disidencia ou a oposición comungante (Libia, Siria, Ucraína...). Actualmente todos estes conflitos áchanse disfrazados baixo a forma de revolucións democráticas, a violencia “innata” do Ser Humano ou a luita contra ese ente chamado “terrorismo islamista”, sempre como paso previo para que as potencias occidentais, sexa na forma da OTAN sexa como exército do propio país, vaian sementando nos respeitivos países destrución morte e caos. Mais o Futuro, a “fe de erratas” da que falaba Benedetti, coma sempre, acabará chamando ás cousas polo seu nome.

Porque, cando Fukuyama vaticinara a fin de Historia, após a queda do socialismo, referíase ao que estaba a acontecer? 

Segundo este filósofo, a Historia paralisárase polo fracaso do rexime socialista, cuxo feito demostraba que a única opción viábel era a democracía liberal, construíndose así o pensamento único: as ideoloxías non eran precisas e estas foran substituídas pola economía; os USA eran a única realización posíbel do soño marxista dunha sociedade sen clases: a fin da Historia significaría a fin das guerras e as revolucións sanguentas, afirmaba el. 

No entanto, vinte anos despois do vaticinio de Fukuyama, as guerras non acaban, as revoltas sanguentas tampouco, e no bloque socialista a morriña polos vellos tempos faise cada vez máis palpábel, ao mesmo tempo que no antigo “mundo libre” os anseios por un outro mundo, máis xusto e humano, van medrando e facéndose máis fortes. 

Estes anseios concretízanse nas xa innúmeras greves xerais dos gregos, nas manifestacións de franceses e británicos, na “revolución” da Geração à rasca portuguesa e no Movimento 15M dos cidadáns españois. 

Centrándonos no Reino de España, as intencións dos promotores -non dos seguidores- son máis que cuestionábeis, xa que leva á sospeita e á dúbida que os grupos que iniciaron este movimento estean encabezados por economistas, avogados e empresarios (ou a clase pudente os apoie): este feito leva a pensar que dito movimento, como xa dixen anteriormente, non é máis ca unha válvula de escape do descontento da cidadanía española, un intento de canalizar o enfado da xente ante a traizón continua de políticos, a estafa sen escrúpulos de banqueiros e a chantaxe selvaxe da patronal, unha canalización para que o enfado non se converta en ira e esta en mobilizacións e greves en masa que desestabilicen o establishment que impera na actualidade. 

Só se entende desta maneira que desde a “cúpula” do 15M se fale de “pacifismo”, de “respeito ás institucións”, que manifesten que non son “nin de esquerdas nin de dereitas”, que “ningunha bandeira os representa”, que insistan en que non se trata dun movimento “antisistema”, que finalmente queiran apresentarse ás eleizóns, que o goberno non actúe con man dura contra os que estiveron acampados -como fai habitualmente cos obreiros que defenden os seus dereitos ou postos de traballo, por exemplo- e de que por parte dos medios de comunicación se lle dea cobertura abonda, cando existen outros movimentos, con máis tradición e con muitos seguidores, que non son tan promocionados polos mass media estatais, como por exemplo a coordenadora contra a privatización da Sanidade pública en Madrid (activa desde 2004). 

Son grandes os exemplos de luita pacifista que deron resultados positivos: Gandhi, Martin Luther King, Nelson Mandela, foron grandes homes que axudaron a que se independizara a India, que os negros nos USA gañaran dereitos civís e que en Sudáfrica morrese o apartheid, respeitivamente, e os tres renunciando á violencia, embora as circunstancias de cada caso foran particulares e en casos como os de Ghandi a súa biografía tanto deita sombras coma luces e a independencia da India se achara inxerida no proceso de descolonización xeral que se deu após a Segunda Guerra Mundial e a desintegración dos grandes imperios coloniais -polo que a independencia da India era inevitábel. 

Porén, os exemplos de luita violenta que deron resultados positivos son maiores: todas e cada unha das conquistas que a clase obreira obtivo foron a base de greves violentas, de episodios insurreccionais, de mortes, e a enorme maioría das independencias dos países colonizados foron tras unha guerra de liberación nacional: a xornada de 8 horas, as ferias pagas, a seguridade social, a independencia de Corea Vietname Angola tiveron como pagamento a morte de muitas persoas despois de que un pobo ou unha clase social desfavorecida luitase, mediante greves ou luita armada, contra os que detentaran o poder. E non é algo que sexa propio do século XX. 

A Revolución Francesa, a Revolución Norteamericana, non son máis que revolucións burguesas que se levaron a cabo para que a clase con poder económico puidese ter liberdade política e poder medrar: a burguesía francesa luitou contra a súa monarquía e a burguesía norteamericana contra a monarquía británica. E, embora houbo un avanzo nas liberdades e nos dereitos do Ser Humano -ou do Home, como se dicía na época-, o feito de que non foron revolucións das clases populares revélanse en episodios como o da Comuna de París en 1871 ou as luitas dos mineiros norteamericanos de Colorado en 1914. Polo tanto, crer que unhas acampadas, unhas manifestacións, por mui multitudinarias que sexan, van facer retroceder o recorte de dereitos e liberdades dos últimos corenta anos é igual de iluso que pensar que isto só vai durar en canto dure a crise actual -flutuación negativa, na realidade, como xa se dixo, da grande e auténtica crise que arrastra o capitalismo desde 1973-. 

Que facer, entón?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...