En 1948, na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, foi proclamada a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, resumida en 30 pontos. As intencións da Asemblea, após a Segunda Guerra Mundial, coas terríbeis consecuencias do nazi-fascismo e do imperialismo xaponés, eran as de estabelecer unhas bases á partir das cais edificar un futuro en paz, evitando guerras e promovendo a paz e a democracía.
Pasaron case 63 anos e todo quedou, como se puido ver, en palabras vans.
No entanto, eses 30 pontos quedaron como ao que toda sociedade debe aspirar, como conxunto de Seres Humanos que, alén do credo etnia e cor, son iso: seres humanos iguais entre eles.
O feito é que tras máis de seis décadas, se botamos un ollo a eses pontos, tan lóxicos, tan verdadeiros como simples, se botamos un ollo, podemos ver que nas sociedades occidentais, nunhas, apenas se cumpren unha man deles ou, noutras, a medida que pasa o tempo, vanse cumprindo cada vez menos
Vexamos uns exemplos:
Ponto 21. A vontade do pobo é o fundamento da autoridade dos poderes públicos: e debe exprimirse a través de eleizóns honestas a realizar periodicamente por sufraxio universal e igual (…): isto resúmese nunhas eleizóns cada 4 anos ou en referendos que non se teñen en conta?, na imposibilidade de opinar sobre cuestións importantes (posibilidade de interromper a lexislación sen cumprila totalmente, participación do Exército en conflitos, reforma da Constitución ou Estatuto, permanencia da Monarquía, anulación do Concordato coa Igrexa, autodeterminación, grandes obras públicas...)? A resposta, loxicamente, é non.
Ponto 23. Artigo 1. Toda persoa ten dereito ao traballo, á libre escolla do traballo, a condicións equitativas e satisfactorias de traballo e á protección contra o desemprego: paga a pena comentar algo?
Ponto 24. Toda a persoa ten dereito ao repouso e aos leceres, especialmente, a unha limitación razoábel da duración do traballo (...): xornadas de traballo de 10 horas (coas extras, que xa hai tempo son o normal), quendas diúrnas/nocturas que rompen o reloxo biolóxico e impiden unha vida normal.... Queda algo que dicer?
Ponto 25. Artigo 1. Toda a persoa ten dereito a un nível de vida suficiente para lle asegurar e á súa familia a saúde e o ben-estar (...): dez millóns de persoas que viven debaixo do umbral da pobreza no Reino de España son abondos para negar o cumprimento deste ponto.
Polo tanto, non son peticións que o pobo ten que facer, como se fose unha crianza caprichosa: como son dereitos, o que se ten que facer é exixir, e non son exixencias propias de estrema esquerda, de anarquistas, socialistas ou comunistas, son exixencias lexítimas que se tiñan que ter xa, como seres humanos que somos: os Estados e os seus gobernos teñen o deber de darnos todos e cada un deses pontos e non proclamar falsamente que hai que facer sacrificios, sacrificios que non son máis que o aumento dos privilexios e das riquezas dunha man de individuos. E se os Estados e os seus gobernos non o fan non é porque non saiban, nin porque non poidan, nin porque sexan exixencias utópicas irrealizábeis ou románticas: é porque o propio sistema non lles deixa.
Levamos vivendo demasiado tempo coa falsa idea de que o ser humano é selvaxe, e de que todo o que vemos acotío, guerras asasinatos fames desastres varios miseria, non é máis que o reflexo desa condición supostamente intrínseca á humanidade, cando non fai falla ser sociólogo para decatarse de que todo iso non é máis que a manifestación do gran mal que aqueixa á Humanidade: a total inxustiza na que que alicerza o capitalismo. Existen probadas maneiras de que as cousas se poden facer dunha maneira máis xusta, máis ecolóxica, máis sustentábel, pacífica e que se non se fan é simplesmente porque unha man de persoas non queren, temerosas de perder os seus privilexios.
É hora de que a máscara caia, de que nos deamos conta de que o ser humano é solidario, é bo, é pacífico, e o único que quere é viver unha vida plena e feliz. O único que acontece é que levamos demasiado tempo absorvendo os ideais e a visión do mundo que ten unha clase social caduca e podre, desfasada e cruel, que non quere que descubramos a bondade da Humanidade.
Volvamos a Galicia Hoxe. Na rúa quedaron unha vintena de profesionais, de boa xente, que confiaba en ter un futuro traballando en algo do que gostaba. O galego queda orfo dunha canle de expresión, como orfo está de tantas outras cousas.
O feito de que un idioma morra, fai que a Humanidade morra un pouco, porque unha fracción desa Humanidade despídese de algo que criou de forma conxunta, dunha canle para exprimirse: unha lingua non é máis ca unha expresión dunha cultura, de como esa cultura ve o mundo, a realidade. E cada vez que morre unha, deixamos de ver a realidade e máis nos embrutecemos.
Medindo as linguas en función dos rendementos profisionais ou económicos que dá, do prestixio, respondemos cal can de Paulov a ese discurso que leva décadas querendo embrutecernos, que cheguemos a ser eses cabalos dos que falaba Castelao, que rinchaban igual nas Pampas arxentinas que na Bretaña, no seu idioma universal. Desprezando as linguas, prexulgándoas, aderíndoas a discursos imperialistas e xenófobo-lingüísticos, deixamos de ser Seres Humanos, e colocámonos nunha escada por debaixo de todo ser vivo, que vive en comuñón con el e co mundo que o rodea.
Á desaparición en papel de Galicia Hoxe seguiulle a fin do Xornal (tanto en papel como en formato dixital, incluso a súa hemeroteca virtual), outra canle extinta que tiña o galego mui presente nas súas páxinas. Hai unhas semanas sabiamos da explosión de violencia que sacudiu os suburbios de Gran Bretaña. Hai pouco vimos como linchaban a Kadaffi por uns rebeldes que abren as portas ás potencias europeas e van instaurar un réxime islamista.
O Futuro non pinta ben. Nada ben.
Mais, co risco de usar palabras xa tan manidas que semellan desfasadas, nós, a xente, temos diante nosa e no noso pasado mostras, ensinanzas, ideas para pintar un futuro do que gostemos. Un futuro no que o galego goce de boa saúde, sen prexuízos, sen conflitos. Un futuro no que deixemos de ser o can de Pavlov para así poder construír a vida que queremos. Un futuro no que teñamos realmente voz, no que os dereitos humanos se cumpran, no que os mercados xa non teñan voz.
O único que impede comezar a construír ese futuro non son os políticos, o sistema, se non nós mesmos.
Abonda con crelo.

0 brisas:
Enviar um comentário