05 Novembro 2011

A xanela escrita: As voces do Pamano

(tardas en lelo entre 4 e 6 minutos)

No período 2006-2009, as librarías galegas, e supoño que o resto de librarías do Reino español, víronse asolagadas, invadidas, por ducias de libros sobre a Guerra Civíl, ao cumprírense os 60 aniversario do inicio, desenvolvemento e fin desa confrontación que sempre se resumiu, falsamente, na luita entre as "dúas españas".

Novelas, contos, ensaios... Neses tres anos condensáronse un monte de títulos que tentaron recuperar parte da memoria do acontencido naqueles anos que sempre se mostraron en branco e negro e, en consecuencia, desfasados e alleos á nosa realidade. Para min, persoalmente, neses anos quedei saturado de guerra civil, fascismo, comunismo, paracuellos, paseos, falanxe, república e demais vocabulario relacionado coa época. Tanto se dixo, tanto se escribiu, que, ao meu parecer, o obxectivo principal, quer dicer, a memoria histórica, quedou mui mui apagado.

Xa pasaron dous anos e, ao meu parecer, o acontecido naquela época, naquel cruzamento de camiños tan crucial na Historia dos pobos da Península, aínda hoxe, para a inmensa maioría de nós (fillos, netos e bisnetos), segue sen nos dicer nada, seguimos sen comprender a súa profundidade, as súas consecuencias.

Por iso, sempre é benvida calquera obra literaria que rompa un pouco, ou muito, co feito até agora sobre este tema, e o leve a outro nivel, que case o pasado co presente, que amose ese pasado desvestido de fatalismo ou de idealismo, que o ensine como o que foi.
As voces do Pamano, do catalán Jaume Cabré, chegou un pouco por casualidade ás miñas mans, e por iso foi dobremente benvindo, por iso e por anovar un tema tan recorrente, por deitar un pouco de ar fresco na maneira de narrar. Porque este romance -que se anticipou á moda da Guerra Civil en dous anos- dá unha nova perspectiva ao tratamento daquela época e, ademais, cun estilo que lembra -un pouco de lonxe- ao mellor Saramago, con saltos temporais que te levan dos anos 40 ao 2000, pasando polos 70, nunhas poucos liñas, o que fai que a obra exixa un leitor atento, non pasivo.

O Pamano é un río -non sei se real ou non- que nace nos Pirineus e pasea as súas augas polas viliñas e aldeas catalás daquela zona, unhas poboacións que ao longo de décadas se viron divididas polo rancor e a inxustiza, da mesma maneira que pasou noutras tantas aldeas, vilas e cidades, dunha maneira sangrante, ao ter os teus verdugos como viciños.

É un río ao cal foron dar as historias e segredos daquela época, que se estenderon, e se estenden, ao longo de máis de sesenta anos, e que se transformaron en voces, voces que calaron á forza, afogadas en sangue en muitas ocasións, unha parte do noso pasado que aínda hoxe non se sabe totalmente.

Voces perdidas.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...