(tardas en lelo entre 6 e 8 minutos)
O outro día lin un artigo no xornal El País, titulado "Ansiosos", no que se falaba dos problemas mentais, das diferentes manifestacións da chamada patoloxía ansiosa: ataques de ansiedade, de pánico, trastornos fóbicos ou obsesivo-compulsivos... É un artigo que recomendo vivamente porque lle toma o pulso á sociedade actual.
Nel exemplifica eses problemas con casos reais, xente cun ritmo de traballo, de vida, vertixinoso, coa carga dos fillos, a hipoteca, que chegou un momento que o seu cérebro fixo "clic" e non deu máis, manifestando os agobios mentais con doenzas físicas tais como palpitación acelerada, suor frío, náuseas, dor de cabeza, de espalda, de estómago, imsomnia, dermatite, infeccións, inapetencia ou fame enorme, fatiga... Sinais de auxilio que a mente envía a través do corpo.
A ansiedade é un mecanismo de defesa que o corpo do ser humano desenvolve perante o perigo e que ten asegurada a supervivencia da nosa especie ao longo de milenios, desde que tiñamos que facer fronte ao ataque dun animal selvaxe até activar os reflexos para non chocar co carro de enfronte cando este frea de improviso. No entanto, como se cita no artigo, o problema está cando "o tigre é un gato como saír á rúa, ir ao traballo, coñecer xente, lidar cos problemas da cotidianidade (...) a ansiedade normal convértese en patolóxica cando nos anula, nos paralisa".
Este tipo de problemas mentais menores sófreno ou sofrerano entre o 15 e o 20% da poboación, sendo mulleres dous terzos desta porcentaxe e sofríndoo os desempregados un 2,2% máis que os activos. E non é difícil que o número vaia subir nun futuro non mui afastado: o 45% dos traballadores ten medo de perder o seu traballo, o 80% da poboación non cre que as cousas vaian mudar a curto prazo... A maoría da xente non é feliz a maior parte do tempo. A medicina moderna fai fronte a isto receitando lorazepam, lexatín, valium, tranquimazín, benzodiacepinas, hipnosedantes, sendo as mulleres as maiores consumidoras (de 900.000 consumidores máis de 600.000 son de sexo feminino) e téndose duplicado o consumo de ansiolíticos nesta década coa consecuente dependencia e tratamentos de desintoxicación.
E queda a un lado as adiccións a outras drogas, legais ou ilegais (ao álcohol, á coca), e as de novo tipo (ás compras).
E non se menciona as consecuencias desas enfermidades, como os condutores kamikazes ou os suicidios (como os daquí, os de Franza ou os de Xapón).
E non se menciona as consecuencias desas enfermidades, como os condutores kamikazes ou os suicidios (como os daquí, os de Franza ou os de Xapón).
Unha sociedade enferma, polo tanto, é a conclusión que nos queda após ler este artigo, una sociedade afogada polo medo, polo estrés, provocado por esa gran selva mental na que se transformou o mundo no que vivemos.
Shaun Tan é un escritor e ilustrador australiano, coñecido por obras como Emigrantes. Nos seus textos e nas súas ilustracións cría un mundo mui particular e, ao menos a min, despois de velas/lelas, déixate un pouso de tristeza, un aborto de salouco.
O outro día, grazas a unha mui boa amiga, vin unha curtametraxe da súa autoría (a cal tamén recomendo vivamente), intitulada "A cousa perdida". Nela relátase o encontro entre unha persoa normal e corrente cun estraño obxecto, un raro ser, co cal non sabe mui ben que facer. O final da historia levoume a reflexionar sobre nós, sobre a actualidade, sobre o artido de El País que vos acabo de comentar.
Somos obxectos perdidos, perdidos nun mundo gris e apagado, cheo de garras e de colmillos ameazantes (de forma virtual ou real), atenazados polo medo, incapaces de realizarnos, esquecendo o marabilloso da vida, o marabilloso da Terra, o marabilloso de existir.
A miña xeración é unha de muitas, das chamadas globalmente "xeración perdida", como xa nos condenaran non poucos políticos e todos os economistas. Unha xeración para varrer debaixo da alfombra, procurando que non avulte muito.
Este é o meu derradeiro post de 2011. Non vou desexar un feliz 2012, porque todo indica que será pior que este que agoniza. Simplesmente desexar que nos encontremos un pouco, que non nos deixemos levar pola apocalipse mediática que xa se instalou nas nosas mentes.
Igual que aparece na curta de Shaun Tan, un outro mundo é posíbel; é unha frase na que hai que acreditar, para resistir, para correr e deixar atrás a má ansiedade, para ser fortes ante os diferentes gatos que nos ameazan diariamente.
En definitiva: para tentar saborear a felicidade.

0 brisas:
Enviar um comentário