05 Janeiro 2012

Do optimismo e do pesimismo

(tardas en lelo entre 3 e 5 minutos)

Sexamos optimistas. Pensemos que desta crise imos saír. 

Sexamos, tamén, pesimistas. Pensemos que imos tardar tempo en saír. 

2008-2018. Dez anos serán abondo? Sexamos optimistas e pensemos que si, que o 2018 será o ano no que os mercados nos deixarán tranquilos, no que os bancos darán créditos, no que as empresas contratarán, o desemprego baixará, non haberá países que resgatar nin con risco de quebrar e todo será coma antes. 

Coma antes... 

Pensemos en como estaba todo antes... 

Abaratamento do despido. Privatización da Sanidade. Financiamento público a centros de ensino privado e da Igrexa. Estas son cousas que apareceron coa crise? Cantas reformas laborais, das muitas que ten habido desde a Transición, recortaron dereitos dos traballadores? O abaratamento do despido é unha tendencia moderna? As ETT´s son cousa de agora? A defunción do traballo fixo é algo que aconteceu o ano pasado? A extensión dos contratos indefinidos é algo actual? Que o salario mínimo quede conxelado é unha orixinalidade de Rajoy? A lei que abre as portas da Sanidade a empresas privadas é de 1997. O feito de que cos nosos impostos paguemos profesores do ensino privado (esa cousa chamada "concertada") é algo tradicional. Que o Estado pague á Igrexa é tan vello como o concordato de 1979.
Mais bo. Esquezámonos diso e volvamos ser optimistas: a crise acabará en 2018.

Nese ano, despois de dous lustros de austeridade e de apertarnos o cinto, os presidentes de quenda, do Goberno do Reino español e da Xunta de Galiza, impulsarán medidas para retomar o estado das cousas da precrise: haberá unha reforma laboral que volverá ampliar os nosos dereitos como traballadores: volveremos gozar dunha Sanidade totalmente universal, sen copagos e sen inxerencias privadas; o Ensino público recuperará o terreo e tempo perdidos; invistirase máis en investigación e cultura; a Igrexa perderá algo da súa milenaria posición privilexiada... Ou non?

Sexamos, por última vez, pesimistas. 

Desta crise sairemos máis escravos que hai 150 anos, porque no século XIX o proletariado, o pobo en xeral, tiña menos formación, non discutía a autoridade do patrón, non existían as ensinanzas que o seguinte século e meo deu en materia de reivindicación. Non nos enganemos: desta crise sairá a patronal, sairá a clase pudente, ese microcosmos que teima en manter o caos no noso universo xeral, entre outras cousas porque as crises serven para que o grande sexa comido polo máis grande. 

Esperar a que pase a tempestade para recuperar o perdido é tan inxenuo como a crenza da vinda do mesías que agardan os ultraortodoxos xudeus desde hai milenios.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...