(tardas en lelo entre 6 e 8 minutos)
Son contadas as veces que tiven que ir ao médico desde que deixei atrás a infancia -nesta época as amígdalas xogáronme malas pasadas-. Sempre son por cousas de pouca importancia e espero que sempre sexa así.
Onte, unha desas "cousas de pouca importancia" levou a que visitase, tras bastante tempo, unha das salas de espera do sistema sanitario público. Eu era a persoa máis nova das que alí se achaban, habitando o 90% delas o mundo da 3ª idade.
A miña sorpresa foi a de saber que a próxima persoa en ser chamada levaba alí desde as 10 da mañá, cando eu chegara apurando o paso, temeroso de que pasara xa a miña quenda, dada para as 11:55. Digo sorpresa porque rara foi a vez que tiven que esperar máis dunha hora.
Pensando que o retraso era algo pontual e que a min non me ía tocar agardar tanto, sentei e botei man dun libro que levara por se tiña que esperar a miña chamada algúns minutos: o meu nome saíu do interior da consulta da doutora ás 13:50.
Aos tres cuartos de hora abandonei a leitura, que se vira interrompida varias veces polos comentarios da xente que esperaba; comentarios de impaciencia, de calma indignación, de vagos reproches, de resignación. Unha muller dicía que, cando houbese que pagar -sorprendeume que xa asimilara tal feito- os médicos axilizarían máis as consultas. Outra comentaba que a época da "chupeta" acabara, e que nos tiñamos que acostumar a volver "ao de antes" -non sei exactamente ao que se refería, mais ese comentario lembroume outro que ten feito máis dunha vez a miña nai: "antes só chamabas ao médico se ías morrer"-. Unha terceira comentaba que antes non se ía tanto ao médico...
Aqueles comentarios lembráronme ao estado actual das cousas, a como se fala da privatización da Sanidade e parece que a realmente a ninguén lle importa. Lembreime dos orzamentos do Estado, que estivera a ver recentemente -nun documento PDF que se pode descarregar desde a páxina do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas- e como nel se pode ver que se gasta dúas veces máis en Seguridade cidadadá que en Sanidade e tres veces máis en Defensa que en Educación. Lembreime das convocatorias de oposicións para policía nacional no período 2002-2010 e como supuxeron o incremento de máis de 38.000 policías nunhas rúas como as do Reino de España que son unhas das menor delincuencia de toda Europa -detrás incluso de Suecia, un dos membros do "paraíso nórdico"-. Lembreime do BOE do 31 de decembro, no que se anunciaban as partidas orzamentarias para a Igrexa, máis de trece millóns de euros ao mes -pór o devandito orzamento en mensualidades semella menos sangrante que pór o total de case 160 millóns de euros anuais que iso supón-. Lembreime do orzamento da Casa Real. Inevitabelmente o meu río de pensamentos levoume ao Ensino e a redución até o 10% de reposición de persoal de ensinantes que o Goberno español quere realizar. Lembreime do pingar incesante de persoas que emigran ao estranxeiro á procura das oportunidades que aquí non teñen, representantes da xeración mellor preparada da Historia de cidadáns españois que non poucos condenan ao chamala xa "xeración perdida". Lembreime da Lei Sinde e da Lei SOPA, en como no nome da "propiedade intelectual" queren pexar a libre circulación da cultura -para min, a diferenza está entre pagar por un traballo feito (escreber un romance, confeccionar un álbume musical...) e viver de rendas-. Pensando, din un salto máis e lembreime das farmacéuticas, da industria alimentar, en como, unhas, son culpábeis de permitir que non avancen as investigacións do cancro e da SIDA para perpeturar os seus beneficios, en como, outras son culpábeis da fame en África ao subir os prezos dos alimentos. Lembreime, tamén, en como teiman en desviarnos do terrorismo diario no que vivemos (como chamar, se non, á falta de traballo, á falta de perspectivas, ao roubo do Futuro e do estado do ben-estar, ao que nos vemos sometidos todos mais, sobre todo, a metade de menores de 25 anos, aos desempregados de máis de 50 anos, ao millón e medio de familias enteiras que non teñen a ningún membro traballando?), en desviar, como digo, a atención aos nosos problemas máis inmediatos para os conflitos que se viven en Oriente Próximo nesas mal chamadas "revolucións democráticas". Lembreime, por último, no pouco que lle importa mentir aos políticos, que non tardan nada en incumprir promesas eleitorais.
Pensei no inmobilismo. En que parece que, na realidade, non pasa nada.
No outro lado da sala había un home. Con ar serio e até importante lía un libro. Fixeime na capa. Non podía ler o seu título mais nela aparecía o debuxo de Charles Darwin: o gran biólogo que estende a súa sombra científica até os nosos días. Cento cincuenta anos despois as súas teses seguen en plena vixencia. A evolución. A luita das especies. A supervivencia. Ao pé destas premisas temos a "natureza do ser humano", o seu "egoísmo e belicosidade innatos", o de que "as cousas sempre foron así". A supervivencia do máis forte e a inmutabilidade da especie que mui poucos hoxe cuestionan.
Pouca xente sabe quen foi Lamarck e que neste Darwin baseou muitas das súas teses. Poucos saben que Darwin tamén se inspirou en Malthus, discípulo de Adam Smith. Poucos son os que coñecen o dito por Weismann e que este fundou o neodarwinismo. Poucos saben que os principios de Hendel, esquecidos, só foron resgatados no albor do século XX cando se lles puido tirar réditos. E poucos entenden que diaño pinta a Fundación Rockefeller na Bioloxía. Poucos entenden a relación de todos estes nomes e homes. No entanto, neste século e medio desde a aparición de A orixe das especies, unha gran guerra intelectual leva desenvolvéndose desde os Estados Unidos até a antiga Unión Soviética, pasando por Gran Bretaña, Xapón, Franza ou China. Unha batalla que enfronta unha maneira de ver a bioloxía con outra, radicalmente oposta: unha aposta pola evolución e outra polo estancamento e, inevitabelmente, pola involución.
É un tema realmente apaixonante, e xa levo tempo traballando nel para ofrecervos un artigo, posteado en varias partes, para picarvos a curiosidade neste tema.
Ben, mais que ten a ver a bioloxía cos momentos que estamos a viver e co que antes falei?, preguntará máis dun. Pois todo: o darwinismo ou, mellor, o mal chamado "neodarwinismo", ten calado tan fundo nas nosas mentes, polo fácil de asimilar e polas catro proclamas nas que se basea, que condiciona nun alto grao o noso comportamento, o noso pensamento. Non por nada é a "filosofía" na que firmemente se alicerza o estado das desigualdades para seguir existindo.
Finalmente pasei á consulta. Tiña varios temas a tratar e, para a miña grande sorpresa -outra máis ese día-, a doutora atendeume todos e cada un deles con tempo, atención e profisionalidade.
Resultado daquelas dúas horas, algo que supoño que todos sabemos mais que ás veces dubido que iso sexa certo: fan falta máis médicos e menos políticos, máis profesores e menos banqueiros, máis cultura e menos terror e medo, máis investigación científica e menos armas.

0 brisas:
Enviar um comentário