O peche de Megaupload, o maior portal de intercambio de arquivos, leva convulsionando a Internet ao longo destes días. Este feito non é se non outro capítulo máis da longa "saga" que se leva a escribir desde que case a "nube" se estendeu a níveis mundiais: Canción de propiedade e liberdade, podiámola chamar, parafraseando o título da novela río de G. R. R. Martin.
Como se pode destilar do título, a luita entre a propiedade intelectual e a liberdade de dispor da Cultura ten feito, e fai, correr ríos de tinta virtual e impresa, provoca luitas verbais entre os defensores dunha ou doutra parte, e incluso os que se posicionan no meridiano de ambas, fai desembaiñar as espadas dos espíritos máis reaccionarios e os das almas máis ácratas, collendo polo medio unha ampla gama de pensamentos e posicionamentos.
De primeiras, esta dialéctica non se pode considerar sen encadrala no conxunto da idiosincrasia do sistema capitalista, xa que non é allea, en absoluto, a el, se non que, precisamente, emana del: acaso non é a defesa a ultranza da propiedade privada un dos principais alicerces do devandito sistema? Que é, se non, a propiedade intelectual, do autor, se non un brazo máis dese tronco principal de propiedade?
Para comezar, habería que aclarar o conceito de autor: que é un autor? De onde provén esa palabra? De onde a definición? A palabra autor vén do latín AUCTOR, que significa "fonte", "inspiración", "promotor", e, á súa vez, vén da forma AUGERE (aumentar, agrandar, mellorar), do que se desprende que un autor non inventa, realmente, nada, se non que o aperfeizoa algo que existía e logo tenta dalo a coñecer.
O autor colle do que o rodea ideas, inspiracións, materiais, imaxes, historias... todo un capital cultural que o antecede e o vai sobreviver: é como un pescador nun oceano cultural. Coa súa "pesca", o autor cría unha obra que para nada é orixinal, se non que é unha reinterpretación, unha viraxe, unha transversión, de algo xa falado, xa dito, xa feito, xa escrito, xa tocado, con anterioridade. Polo tanto, o autor, unha vez que cría algo, unha vez que consome o peixe cultural que pescou, ten que regurxitalo, á maneira que os modernos brasileiros practicaban a antropofaxía cultural a comezos do século XX, á procura dunha cultura propia brasileira. O que produce un autor deixa de ser seu no mesmo momento no que o dá a coñecer e, xa por iso, ten que deixalo ceibe, para que o desfrute libremente o resto da Humanidade, enriquecéndoa.
Ao menos en teoría.
Que acontece na práctica? Embora sexa difícil, co dito, xustificar que alguén teña a propiedade absoluta dunha obra, pasando por riba de todas as influencias que dita obra permealizou antes de nacer, recórrese a unha lexislación que mercantiliza todo o que se cría. Mais dita lexislación vai máis alá alleando o autor da súa obra -mesmo case sen el o saber- dando a alguén -desde as casas de discos ás editoras- o dereito de copiala e de erixirse durante décadas como intermediario poderoso entre o autor e o público, non sendo ese alguén criador de nada -apenas da copia-. Estes non-criadores, polo seu carácter monopolista, vanse xuntando en grandes emporios culturais que están a ter a propiedade de case todas as criazóns artísticas, sobre todo as que teñen máis carácter comercial, as que se publicitan máis, as que son máis prefabricadas. Desta maneira, os dereitos de autor derivan nunha simples cuestión comercial e, máis aínda, de control: promociónanse grandes "estrelas" e condenase ao ostracismo ao resto, a grande maioría. E xa non só se apaga parte da cultura, gran parte da súa riqueza, con esta política cultural-empresarial, se non que se frea a evolución, a renovación, xa que, como produto empresarial en que se transformou, para devolver con gaños os investimentos que se fixeron, sempre se aposta polo seguro, polo que dá rápidos beneficios, atando os criadores sometidos e apartando os que non o fan.
Internet, que podemos considerar como un gran salto adiante de universalización da cultura, despois da invención da imprensa, vén sendo un salvador da tiranía das grandes corporacións culturais que mercadean e aglutinan dereitos de autor. Grazas a ela, en potencia, temos máis cultura e máis liberdade ca antes, e non só iso, se non que tamén existe a posibilidade dun rápido intercambio cultural, de enriquecimento de experiencias alleas, de colaboración, de contacto co público sen intermediarios. No entanto, para os grandes acaparadores de dereitos de autor, internet representa a "pirataría": os consumidores pasaron de ser aliados a seren piratas, que abordan os seus "barcos" de cultura e o "saquean" sen compaixón, "matando" a industria, "degolando" os autores, "violando" os traballadores. Cos dereitos de autor regulamentábase a copia e distribución da obra, mais non o seu consumo, e esa é a pedra que teñen no seu sapato desde hai anos os xigantes mercadores de cultura.
Con este grau de mercantilismo, nos que están tan implicados os conglomerados industriais da cultura como os propios autores, chegamos a ser testemuños de casos tan surrealistas como o que lle aconteceu ás Girls Scouts, que receberon unha carta da American Society of Composers, Authors and Publishers, exixindo o pagamento por dereitos de autor das cancións que as raparigas cantaban nos seus campamentos; ou o que pasa na Capela Sistina, onde hai gardas vixilando e berrando "no photo" aos turistas para que estes non tiren fotos, xa que os dereitos de imaxe os ten a empresa que limpou os frescos; ou que até Fuenteovejuna fosen os axentes da SGAE para pedir cartos pola representación da obra de Lope de Vega; ou que o artista francés Daniel Buren insistise en que todos os que tirasen fotos ás fontes que el deseñara na Place des Terraux de Lyon tiñan que pagarlle os dereitos de autor.
Estes son exemplos de até que ponto a cultura se está a feudalizar, como cando na idade media nas terras do señor había que pagar imposto por traballalas, por empregar un camiño ou unha ponte que se situaran nesas terras, ou por moer no seu muíño. Agora non hai un señor, hai un autor ou unha empresa cultural, agora non hai terras, hai álbumes de música, pinturas, novelas. Mais o principio é o mesmo.
A exclusividade da obra do autor é algo relativamente recente e intrínsecamente europeu. Nace de correntes filosóficas, do protestantismo e do individualismo capitalista. A copia sempre ten sido algo normal dentro da cultura universal, e incluso se consideraba como unha loubanza, xa que se copia o que é considerado de calidade. Muitas expresións culturais son obra de varios axentes, de máis dun autor -que á súa vez toman "anacos" de outras obras-, do público e da tradición, todo en conxunto: así é como unha cultura avanza, así e como a Humanidade de sempre avanzou, colectivamente, non individualmente.
Pondo en entredito a suposta orixinalidade do autor, póñense en entredito os seus dereitos e, polo tanto, a posición privilexiada dos que din representalos.
Mais, no terreo de Internet, o que se deriva de todo o dito é que o autor ten que dar a súa obra e non obter ningún beneficio? Hai que dar carta branca ás baixadas indiscriminadas, ás copias, a que unha obra chegue a todos os cantos do mundo e que o autor non se benefecie de nada?
Até o de agora, os defensores dos dereitos de autor falan sempre de que copiando, pirateando, matas a industria cultural, ao autor e, en consecuencia, a Cultura. Mais eses mesmos defensores, ao falar de dereitos están a falar dos seus privilexios, e son secundados por autores que son esa pequenísima porcentaxe que se lucra nas sociedades tipo SGAE, ou, simplesmente, polos que non están abondo informados.
Do que se debería tratar na cuestión dos dereitos de autor, intelectuais, é de diferenciar entre pagar por un traballo feito e viver de rendas feudais. Como facelo? Ideas poden sobrar, o caso é que se pense nelas. O principal é que o autor vexa protexida a súa autoría e que sexa remunerado para poder seguir traballando naquilo do que gosta; o principal e que a cultura sexa universal e asequíbel. O principal é que os intermediarios deixen de ter tanto poder, tanta voz e voto.
Volvamos a Megaupload. O seu criador, Kim "Dotcom", enfróntase a 50 anos de cadea. Cincuenta anos de cadea por, non nos esquezamos, proporcionar un sistema, un programa, de descargas, de intercambio de ficheiros: el non promovía descargas protexidas por copyright, iso xa era eleizón de cada quen. Cincuenta anos. Lembremos a sentenza do asasino de Marta del Castillo.
O peche de Magaupload estivo precedido pola polémica lei SOPA (Stop Online Piratry Act) e a aprobación da lei Sinde.
Non está mui claro que as leis restrinxivas vaian ter futuro, xa que chocan cos intereses das grandes corporacións da rede (Google, Yahoo, Facebook) e incluso cos soportes desta (Vodafone, Moviestar, Jazztel), xa que se progresan, os usuarios restrinxirán o seu uso -se non podemos baixar cultura, se non podemos distribuíla libremente, que facer entón en internet alén de ler o xornal, algún blogue?-, o que non deixa de ser unha contradición máis deste mundo retrógrada que cre que cada copia pirata é unha perda: xa non é só que pidan á mesma xente á que lle retiran o seu poder adquisitivo que siga consumindo igual ca antes, se non que tamén que se rixa polas súas normas: por que ver un filme ou serie ianque ou de Europa occidental se o que me interesa é o que se fai ou fixo en Asia ou Europa do Leste? Por que teño que ler o último romance de Coelho ou de Follet no meu ebook se a min o que me interesa é ler a literatura mozambicana dos anos 70? Por que teño que restrinxir os meus gostos musicais se podo chegar a toda canta música se fai a nível mundial? Os dereitos de autor non só atentan contra a liberdade de información e de cultura, se non contra a liberdade de formación, contra o progreso do ser humano. Abolir a propiedade intelectual e formular un novo dereito para os autores daría maior accesibilidade á cultura, faríaa mais asequible e permitiría ao autor ter mais liberdade
Esta carencia de intelixencia, por parte dos detentores do poder, revela a debilidade do propio sistema, que xa non sabe por onde tirar para conservar os seus privilexios, alén de seguir recortando dereitos e nível de adquisición: forte estaba nos anos 50, cando acabou a última guerra mundial e había un mundo que reconstruír e conquistar co modelo liberal: había unha clase media domesticada, había que criar unha sociedade de consumo, había migallas abondo para contentar praticamente a todo o mundo, e así a retórica capitalista penetrou en todas as mentes, mais agora esa fortaleza hai tempo que desapareceu e o que lle queda agora á oligarquía mundial e lanzar ofensivas retrógradas amparándose en múltiplas escusas (desde a propiedade intelectual até a crise). O maior medo que teñen é que, desaparecendo a propiedade intelectual, a seguinte propiedade en ser cuestionada sexa a privada, e se callar ese sexa o principal medo e pesadelo que non os deixa durmir e de aí que veñan os furibundos ataques á liberdade de compartir e difundir a cultura pola estensa e virtual rede.
A polémica de internet e dos dereitos de autor vén sendo unha luita máis das que se están a desenvolver nas rúas, nas casas, nas oficinas, nas fábricas, nas mentes de cada un, unha luita que se ramifica amplamente coa industria farmacéutica e a alimentar; unha luita entre a idiosincrasia do capitalismo feudal e a certeza de que existe outra maneira de facer as cousas, de sermos, menos individualista, egoísta e agresiva, e máis cooperativista, solidaria e pacífica.

0 brisas:
Enviar um comentário