15 Fevereiro 2012

Os bolos de Oliver Twist

(tardas en lelo entre 5 e 7 minutos)

Este domingo pasado deiteime coa mente alumeada polas lapas que rodeaban a Praza Sintagma de Atenas.

O luns almorzaba co meu irmán e xantaba cun vello amigo: os tres erguiámonos coa acabada de decretar reforma laboral.

Ao meu irmán había catro meses que non o vía, xa que vive en Madrid, traballando como informático. O almorzo foi breve, xa que tiña que marchar de novo para a capital do reino. A conversa, loxicamente, estivo ensombrecida pola realidade que nos leva marcando desde hai case catro anos: a súa moza, enfermeira, desempregada pola política en Sanidade de Esperanza Aguirre; o meu irmán, cun futuro incerto na empresa onde traballa desde hai anos após a nova lei laboral.

"Non vexo un futuro claro", dicíame co segundo café da mañán, "Fago o traballo de catro persoas, baixa o meu salario neto, a miña moza non encontra nada tras anos traballando seguido e, tras esta reforma, só dubidas vexo na miña vida laboral...". El, igual que todos os gobernos europeus, fai recortes na súa economía doméstica: "quiteime de pequenos vicios e, ao menos, aforro uns 600€ ao ano".

Despedinme do meu irmán, sen saber mui ben que dicir, como animar. Vino afastarse, co seu eterno maletón de viaxe, mentalizado en enfrontar cinco horas de estrada, sabedor que o día a seguir tiña que apañar un avión que o levaría a Guipúscoa, un dos múltiplos destinos que ten que cubrir ao longo do ano espallados por toda a xeografía do Reino español.

Ao meu vello amigo, vinte e oito anos contemplan a nosa amizade, vino coma sempre, cun trancazo mais coma sempre. Após traballar seguido máis dunha década en diferentes empresas (desde unha de fotocopias até Citroën), leva un ano sen encontrar nada, nun Vigo que se afoga no desemprego. Tivo que deixar o piso no que vivía coa súa parella, volver á casa dos pais, ao pé dunha nai que, tras máis de 30 anos traballando na Cruz Vermella, víu como esa falsa ONG a botaba do hospital a ela, ás súas 69 compañeiras e aos pacientes sen recursos que alí se achaban. Podía máis que a humanidade a especulación que se podía facer co edificio, situado en Beiramar.

Falamos longamente da nosa situación precaria e sen esperanza. "Somos unha xeración perdida", declaraba, "Os políticos vanse centrar en salvar os menores de 25 anos, nós quedamos fóra". Na avenida Florida, o breve sol de inverno tentaba quecer os nosos ánimos na terraza onde nos encontrabamos a tomar o café de sobremesa: "Nós agora non tiñamos que pensar na nosa estabilidade económica e laboral", afirmaba, "Nós tiñamos que pensar en ter fillos, en viaxar, en facer planos coa nosa vida...". Fálame de que está a pensar en marchar a Noruega, a promesa nórdica.

Abandono Vigo, coa mente ensombrecida polas conversas, pola realidade, que apreta e afoga. Escuito Radio Nacional, o programa Asuntos propios. Fala o xornalista Toni Garrido. Fala, loxicamente, da reforma laboral. Nun momento dado di: O rosto dos cidadáns europeus parécese cada vez máis ao rosto de Oliver Twist a ollar para o mostrador dos bolos.

E a verdade é esa. Négannos os bolos, metamorfose do Futuro, da Vida, da vida que queremos ter e non nos deixan. Fannos confundir con "débedas", "mercados", "bolsas", "austeridade"... Fannos ollar con cortinas de fume para outro lado, para a dopaxe de Contador, para Siria ou Irán, para onde vai ter lugar a Copa do Rei, para Merkozy... Dominan o que pensamos, como pensamos, pastoréannos como queren.

Hai un par de semanas vin unha entrevista que lle fixo Jordi Évole a Jose Luís Sampedro. Nun momento desta, o lúcido escritor, humanista e economista de 95 anos, afirmaba: Desde a primeira infancia ensínannos primeiro a crer o que nos din as autoridades, os pais o cura... a crer, e logo a razoar sobre o que cremos. Non, a liberdade de pensamento é ao revés: é primeiro razoar, e logo creremos no que nos ten parecido ben sobre o que razoemos, se vocé non ten liberdade de pensamento a liberdade de expresión non ten ningún valor.

Fóra da verdade de que nos achamos nunha crise sistémica, que afunda as súas raíces até a crise do petróleo de 1973, hoxe o Reino de España vése especialmente tocado pola devandita crise polos danos provocados durante a Transición. Nela obrigáronnos a crer, incuestionabelmente, nunha democracia, nunha monarquía, nunha clase política, nuns sindicatos, nun Estado e nunha bonanza económica que agora se nos revelan totalmente falsos.

Se hoxe o estado do ben-estar, o sistema público, o emprego, toda a seguranza que alicerza un sistema autenticamente democrático, se acha en serio perigo de extinción non é pola crise en si. Se os partidos políticos, ao longo destes últimos trinta anos, non tivesen aprobado leis que permitiron a penetración de empresas privadas no sistema público, non desmantelaran empresas públicas, non lanzasen reformas na Educación que mermaron a calidade desta, non permitisen a burbulla inmobiliaria; se os sindicatos, ao longo de trinta anos, non foran cedendo nas diferentes reformas laborais, que abarataron o despedimento, eliminaron cobertura social, suprimiron os empregos fixos, deron entrada a ETT´s e un longo etcétera; se os que se atilan representantes do pobo fixesen realmente o traballo que deles se esperaba e non defender os seus propios intereses e os da oligarquía empresarial e financeira, hoxe, por muita crise que houbese, non se poderían levar a cabo reformas tan drásticas comos as que fixo o PSOE e as que fixo e fará o PP. Simplesmente porque hai unha diferenza enorme entre pasar de todo a nada dun golpe, e de pasar de todo a nada gradualmente.

No entanto, no seo deses mesmos partidos e sindicatos, a crise tamén se deixa ver: o PSOE ficou divido após as primarias, o BNG case finiquitado. Os sindicatos maioritarios viron recortados os seus orzamentos e desde hai tempo dependen o un do outro para poder facer forza e para ter presenza.

Cheguei á casa derrotado, mais tamén coa certeza de que os de arriba tamén o están. Non saben como saír desta crise, e caen na contradición de empobrecer a aqueles que manteñen en marcha o sistema de desigualdades. Só saben seguir coméndose os uns aos outros para que cada vez haxa menos ricos máis ricos (valla a redundancia), só saben provocar guerras e meternos nelas: "Nós só queremos viver en paz, ter unha vida, máis nada", dicíame o meu vello amigo.

O domingo, os gregos incendiaron Atenas. É lóxico pensar que, nos seguintes anos, máis capitais se incendiarán, polo mesmo, por pura impotencia.

Porque cada vez seremos máis os que vexamos os bolos do outro lado do mostrador.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...